Algúns fragmentos da viaxe á fin do mundo

1 [...]

De súpeto comprendeu que canto el deixara escrito e o por ela indagado podían ter ese sentido. Encontrar. Para comezar a busca na que se pon a alma.

¿Que buscar, se antes non se encontrou? E esa busca en atemporal declive, en atemporal permanencia, entende que ten sentido sobre todo na procura dos difíciles modos da harmonía. Talvez, de forma máis exacta, na confluencia con algún xeito superior de comuñón.

Mais, ¿ata que punto está ante o rastro case sempre difuso da certeza? ¿Será capaz de percibir coa mirada singular que tanto intuíu que precisaría?

A brisa que a contorna avanza máis alá da intensa, rara e incómoda capa de maquillaxe que a oculta. E segue en dirección ao punto superior da mente onde a razón e a emotividade se insinúan entre si. ¿Será o presaxio da brisa que rozou a mirada del? A mirada real ou presentida, a pregunta que é a resposta, a resposta que é a pregunta, alí no límite, había tanto tempo.


2 [...]

O hotel Suízo apenas tivera hóspedes a tranquila noite do 6 ao 7 de maio de 1906. Por iso as ruidosas présas coas que á primeira hora da mañá entraron no seu vestíbulo os dous gardas civís produciu no recepcionista unha repentina axitación, malia tratalos con frecuencia. E no seu rostro xurdiu o invencible rubor que se apoderaba del á chegada de cada cliente distinguido. Con todo, non foi desta vez o desacougo por prestar a mellor das atencións o responsable de tal acceso, foino a impresión inicial ante o insólito dunha visita así a tan inhabitual hora, a hora final dunha noite máis. Quizais por esta razón o golpe anímico reduciuse por si mesmo no instante seguinte a unha agradable e expectante sensación física de calor. Agradeceuna.

As rúas de Santiago de Compostela alborexaban a un luns apegado á persistencia dunha friaxe suspendida sobre a pel. Un día máis dunha primavera engruñada por uns irredutibles e penetrantes tons sombríos, verdosos, húmidos, esmorecendo sen esmorecer por cada recanto da cidade. As incipientes raiolas de luz branca apenas lograban traspasar, ata tellados e rúas, a lámina dun ceo gris acoirazado que outros anos por esas datas sucumbía lento a un nu azul. Xa que logo, superada a primeira impresión e instalado no súbito e estimulante impacto de calor, o recepcionista do Suízo dispúxose a escoitar cunha repousada expectación o motivo da inesperada visita.

Non tivo que agardar pola primeira pista.


3 [...]

Un bafo temible acabou supurando por cada orificio do templo, nun cheiro a gases estraños, madeira calcinada, pintura descomposta, amargor de ósos abrasados e sequidade. Unha mestura apocalíptica que cementaba a gorxa.

Os afectados que saían respirar aire limpo á praza eran case todos soldados do acuartelamento local reclamados para a extinción ante o mínimo e inoperante servizo de bombeiros da cidade. Recibíanos os berros estremecidos dos curiosos, que aumentaban cando asomaban os que presentaban síntomas de asfixia. Recuperábanse sentados ao pé da torre do Reloxo e nas escaleiras da praza. A outros, con queimaduras, coma o sarxento que os mandaba, levábanos correndo, tombados en escadas, ao hospital Real. Facíano bordeando a fachada catedralicia do Tesouro, xa que o fume acumulado nas naves do templo non aconsellaba cruzar ata a máis directa porta do Obradoiro. Polo capricho das correntes de aire, esta saída acumulaba a maior concentración de gases abafantes, un espectro tan denso que impedía ver as esculturas do Pórtico da Gloria. Nun momento dado, tamén sacaron fóra o arquitecto municipal, que se entretivera demais con explicacións técnicas sobre o mellor xeito de atacar o lume nos tramos superiores do retablo, unha tarefa inútil, segundo un dos soldados, xa que as lapas gabeaban cunha forza inusitada, imparable.


4 [...]

Non atenderon a máis. Confundidos ata o extremo pola falta do coche e o recordo dos sucesos do día anterior, botaron a correr. El coñecía a zona, así que o instinto levouno a internarse polo sendeiro que ía a carón do río, arredándose da estrada. Xa correndo polo estreito paso, pareceulles que os chamaban voces tan sorprendidas coma eles. Non percibiron o que dicían. Continuaron.

Pero era un correr imposible, por unha liña de terra estreita de incerta luz de lúa, que así se confirmou cando Dominique esvarou e caeu ao río malia sostela Marcos pola man, que logrou manterse no carreiro. Non podía ser real. Sen o coche, atacados por uns seres sen rostro e agora aquilo. O mal paso de Dominique, empapada de cintura para abaixo, obrigounos a deterse un instante e comprobar que ninguén os seguía. Só percibiron un barullo, que non distinguiron, na xa distante taberna. ¿Que facer? Coincidiron en continuar. Acaso as sombras atacantes marcharan. E acaso tiñan unha razoable xustificación. Pero volver forzaríaos a dar explicacións aos retranqueiros clientes da taberna e, ademais, faltáballes o coche, así que ían continuar. Marcos propuxo deixar o sendeiro e, por unha pista, subir á zona urbana.

Na primeira rúa, volverían decidir. Malia a oscilante luzada da noite, el coñecía a zona.