Sinopse
Moito antes que o Códice Calixtino roubaron da catedral de Santiago
a xoia máis antiga e amada.
Nunca apareceu. Era parte dunha viaxe.
O roubo en 1906 na basílica
compostelá da cruz de Afonso III, unha cruz grega do século IX de ouro e xemas,
nunca se resolveu. A prensa apenas tratou o sucedido, malia supoñer a perda da
ofrenda máis antiga ao apóstolo Santiago e a máis venerada polos peregrinos. En
1921, o misterio aumentou ao arder o retablo de onde desaparecera. Foi un feito
insólito e non aclarado e, coma o roubo, axiña esquecido.
Só alguén en Santiago, un
xornalista, quererá respostas, non tanto por afán profesional como polo xeito
en que estes sucesos condicionarán, sen piedade, a súa vida. Esta busca levarao
a cruzarse, de traumático xeito, con outras buscas non menos determinantes.
Procuras que aos cen anos do roubo volverán con insospeitadas consecuencias. A
clave estará na viaxe metafórica e real ao finis terrae máis mitificado polos
europeos a través dos séculos.
A viaxe á fin do mundo é unha historia de
interminable misterio onde o amor e a morte se unen para facer de cada pregunta
a resposta.