Introducción
Como contraste informativo e
documental -e se se quere, como un xogo- a novela A viaxe á fin do mundo compleméntase con este blogue de elementos e
contextos con ela relacionados.
Serve tamén esta proposta ao
lector/a de homenaxe á rica e complexa pegada xacobea, estendida polo
territorio europeo e parte destacada da súa cultura, como recoñeceu o Consello
de Europa en 1987. Trátase dunha dimensión que supera con moito o feito
relixioso -sen renunciar a el- para ofrecer un escenario, percibido como
idóneo, á universal busca do homo viator. Así o evidencia o actual éxito
sen límites territoriais, culturais, relixiosos, espirituais, ideolóxicos e
sociais do Camiño de Santiago.
Ábrese esta síntese documental
coa identificación das páxinas da novela con citas orixinais. Seguen os datos
históricos da cruz do rei Afonso III o
Magno e, por orde alfabética nos termos que aparecen na obra, os
principais medios impresos, lugares e espazos reais vinculados á trama.
Ofrécese tamén a relación dos
personaxes históricos incorporados a esa mesma trama e os citados de xeito
circunstancial como parte dela, omitíndose os demais. Déixase claro que se
inclúen de xeito exclusivo como parte da ficción. Recorreuse a eles pola
vinculación, segundo os casos, cos temas, lugares, espazos e momentos
históricos nos que a acción transcorre.
Apórtase ademais unha
cronoloxía que sintetiza os momentos históricos vinculados, de forma directa ou
de contexto, co relato e, por último, unha ampla bibliografía relacionada, a
distintos niveis, cos contidos da novela.