A cruz de Afonso III O Magno

A Gran Enciclopedia del Camino de Santiago. Diccionario de la cultura jacobea resume na entrada Alfonso III el Magno, cruz de, as características desta xoia:

A que para moitos foi -e foino aínda máis tras o seu estraño e nunca aclarado roubo en 1906- a máis mítica obra do tesouro catedralicio santiagués, medía 46 cm de alto por 44 de ancho e 2 de grosor. A anchura dos brazos oscilaba entre os 6 e os 3,5 cm. Sobre unha base de madeira recuberta de láminas de oro cunha trama de filigrana e un disco na cruceta do mesmo metal, repartíanse preto de oitenta pedras finas e preciosas, entre as que o historiador santiaguista Mauro Castellá Ferrer (1610) cita -tras advertir a falta de moitas- topacios, ametistas, turquesas, cornalinas e perlas. Unha inscrición no reverso mostraba a seguinte dedicatoria: ‘En honor do apóstolo Santiago doan esta cruz os servos de Cristo o príncipe Afonso [III] e a raíña Ximena. Por este sinal está protexido o crente. Con este sinal véncese ao inimigo. Concluíuse na era 912 [ano 874]”.

Respecto aos motivos para os engadidos de distintos crucifixos que padeceu esta cruz grega cando menos desde a segunda metade do século XVI, e que desvirtuaron e ocultaron a súa feitura, nada se sabe. O gran crucifixo que tivo superposto ata que en 1891 llo retirou o cóengo e historiador López Ferreiro teríase colocado, segundo o deducido de certas testemuñas, na segunda metade do século XVI, talvez ligado a efectos involucionistas da contrarreforma.

A cruz de Afonso III O Magno


Consérvanse datos relativos á devoción que por ela sentían os peregrinos que chegaban á cidade. Relatos de camiñantes estranxeiros así o testemuñan. Nalgún caso, vinculárona, sen fundamento, cunha suposta cruz utilizada polo propio Santiago o Maior. Se cadra se debeu isto ao feito de ser a xoia relacionada co apóstolo máis antiga coñecida e conservada. Tamén se cita de forma ocasional como cruz de Santiago e cruz dos peregrinos. Houbo outras cruces gregas próximas do mesmo estilo, e sen as alteracións da que nos ocupa, nos mosteiros galegos de Samos e Oseira e no de Santiago de Peñalba, no Bierzo. As dúas primeiras desapareceron.

Tense resaltado a semellanza da cruz de Afonso III coa coñecida como a cruz dos Anxos (808), atribuída pola lenda á man de anxos peregrinos e conservada na catedral de Oviedo. Procede esta do tempo do rei Afonso II o Casto.          

Anos despois do non resolto roubo da xoia compostelá, na noite do 6 ao 7 de maio de 1906 do retablo da capela das Reliquias da catedral compostelá, o polígrafo pontevedrés Xosé F. Filgueira Valverde fixo xestións para localizala. Todas sen éxito.

Filgueira propón, por certo, a vaga hipótese da intervención no feito dunha banda marsellesa de ideoloxía anarquista e alude, coma algún outro, á posibilidade dunha acción por encarga. Neste sentido, debe apuntarse que na devandita capela conservábanse accesibles xoias cun valor monetario e artístico maior -iso si, nunca tan antigas-, que non se roubaron. Tense comentado se se levou a cruz fóra de España e a posibilidade da súa utilización, tras o roubo, en ritos iniciáticos. Nunca se logrou, que se saiba, a máis mínima proba sobre o seu paradoiro.


Tamén persisten as dúbidas sobre se o autor ou autores do feito entraron, para roubala, pola porta da capela ou pola súa única ventá. A prensa acabou decidíndose polo roubo desde a ventá, pero sempre nun ton tan confuso como chocante, como na propia novela se expón, e que apunta ao misterioso ou oculto do suceso.

Imprimir suplemento



Máis información de interese

0 comentarios