As citas orixinais da novela

A viaxe á fin do mundo nace de dous feitos reais sucedidos na catedral de Santiago de Compostela en 1906 e 1921. Por este motivo principal, pero non único, inclúense varias citas orixinais, a maioría delas traducidas ao galego desde a súa fonte, case sempre en español, para esta novela. Por suposto, as citas que son parte da trama teñen só fins narrativos, sen ningunha outra consideración.

Proceden da prensa e outras publicacións e soportes e aparecen singularizadas entre comiñas nas páxinas 12 (tradución do xaponés ao portugués e, desde este, ao galego; tamén incluída nas páxinas 400 -primeira cita- e 486), 23, 27, 34, 35, 36, 66, 67, 68, 70, 72 -primeira cita-, 102, 115, 141, 147, 149, 158 -as dúas primeiras citas-, 225 -segunda cita-, 252, 310, 331, 332, 358, 372, 373 e 465. As citas de prensa, identificadas en cada páxina en relación co medio de publicación, son as referidas en exclusiva ao roubo da cruz en 1906, os altercados relixiosos en Vilagarcía -único texto cuxa fonte orixinal se varía levemente na novela- e o incendio de 1921 na catedral.


Lápida sepulcral do bispo Teodomiro


O fragmento de poema da páxina 123, incluídas as súas citas (páxinas 278, 302 e 472), e a composición formada con versos soltos de diversos autores das páxinas 249 e 323 -parcial- e 470-471 -completa- adaptáronse, desde o galego dos poemas orixinais -todos publicados ao longo do século XIX e ata 1920- dos que se extraeron, ás actuais normas ortográficas. Os autores do poema e da composición cítanse respectivamente nas páxinas 123 e 470.

Malia non aparecer entre comiñas, proceden da prensa e das publicacións dos autores citados en cada momento todos os datos relativos aos supostos equipos utilizados no roubo da cruz de Afonso III expostos nos soportais do pazo de Raxoi de Santiago, e as descricións e referencias á devandita cruz de Mauro Castellá Ferrer, Fidel Fita e Fernández-Guerra, Antonio López Ferreiro, e Xosé Villa-Amil. O mesmo sucede coas mencións a calquera outro autor ou publicación. Por suposto, tamén nestes casos as consideracións narrativas que se realizan a partir deses datos son ficción.

Déixase constancia tamén que a frase “Aquí, sempre o digo, non se fixo unha catedral para a cidade, fíxose unha cidade para a catedral” da páxina 316 ten como autor orixinal a Xosé María Díaz, ex-deán da catedral de Santiago.

Mención por último ás citas de apertura do libro, extraídas das publicacións e autores que se poden identificar na bibliografía aquí recollida. A de Martiros aparece no excepcional libro de Herbers e Plötz e a canción xacobea bávara encóntrase tamén nesta obra dos dous autores alemáns e noutras publicacións. A cita do peregrino brasileiro pode consultarse no albergue público de Fisterra e reprodúcea Manuel Vilar Álvarez no seu revelador libro sobre a ruta á fin da terra, tamén incluído na bibliografía.

Imprimir suplemento



Máis información de interese

0 comentarios