Cronoloxía histórica relacionada
33 ca. Seguindo o mandato de Xesús -“Seredes
as miñas testemuñas ata o extremo da Terra”-, os apóstolos e os seus seguidores
espallaríanse polo mundo daquela coñecido para difundir o cristianismo. Segundo
tradicións posteriores, Santiago o Maior chegaría ata o que nese tempo se
consideraba o confín do mundo, o extremo occidental de Galicia, malia que a
Igrexa de Roma preferiu conceder o honor da primeira evanxelización da
Península Ibérica a san Paulo.
44 ca. Ano proposto como o do martirio de Santiago en
Xerusalén, feito recollido no Novo Testamento. A translatio, tradición local compostelá de incerta orixe
xurdida no século IX, narra a inmediata viaxe do seu corpo a Galicia por mar.
S. VI. A finais destes século redáctase en Italia ou no
sur de Francia o Breviarium Apostolorum, o primeiro texto que sostén a
predicación de Santiago en Hispania.
730 ca. O monxe inglés Beda o Venerable afirma que
Santiago está soterrado e escondidos “nos últimos confíns fronte ao mar
británico [o Atlántico]”, o que viría a coincidir co finis terrae
galego. Quizais uniu dúas vellas crenzas confluentes: que este apóstolo
predicara ata o extremo do mundo daquela coñecido e que os discípulos directos
de Xesús procuraran recibir sepultura no lugar máis extremo da súa predicación,
como símbolo da universalidade da nova relixión.
808. Elabórase en Oviedo, no
reinado de Afonso II o Casto, a
cruz dos Anxos, de estilo grego -catro brazos iguais con forma trapezoidal
invertida e disco central-, realizada segundo a lenda por anxos peregrinos, e
idéntica, de acordo con distintas valoracións, á cruz compostelá de Afonso III o Magno, que se realizaría
sesenta e seis anos despois.
Torre do reloxo - Catedral de Santiago de Compostela |
813. Ano proposto por López
Ferreiro e outros autores como o do descubrimento -inventio- do sepulcro de Santiago en
Compostela. Hoxe descartada polas investigacións, con esta data pretendíase
facer coincidir in extremis o suposto descubrimento coa tradición europea que
atribuía este feito e a apertura do Camiño de Santiago, seguindo a Vía Láctea,
ao emperador franco-xermano Carlomagno, falecido no 814. Dáse o paradoxo de que
esta data descartaría ao bispo de Iria Flavia, Teodomiro, como descubridor do
citado sepulcro, malia considerarse de xeito unánime como tal. Actualmente
coñécese que comezou o goberno da
diocese iriense contra os anos 819-820.
820-830. Nalgún momento desta década prodúcese o
descubrimento nun cemiterio abandonado de remota orixe romana, na actual
Compostela, dun mausoleo en cuxo interior estaba o que, por motivos
descoñecidos, se identificou como o sepulcro do apóstolo Santiago o Maior. A
revelación recibiuna Teodomiro, bispo residente na poboación próxima de Iria
Flavia.
834. Peregrina a Compostela, desde Asturias, o rei
Afonso II o Casto e consagra a
primeira igrexa construída sobre o mausoleo de Santiago. Establécese a primeira
comunidade de monxes, de incerta procedencia, dedicada ao culto e a protección
do sepulcro.
840 ca. O francés Floro de Lyon anuncia que o corpo de
Santiago trasladouse a Hispania e púxose a salvo “nos seus últimos
confíns”.
847. O bispo de Iria Flavia, Teodomiro, faise soterrar
en Santiago baixo unha lauda gravada cunha cruz grega idéntica á que no 874
doaría ao apóstolo o rei Afonso III.
860. Primeiras e sorprendentes referencias
estranxeiras á nacente peregrinación a Santiago. Para atender aos peregrinos
comeza a nacer, a redor do conxunto do sepulcro, a futura cidade de Santiago de
Compostela.
860-900. Por este tempo elaboraríase a Epístola do papa
León, texto que busca xustificar o traslado do corpo de Santiago desde
Xerusalén a Galicia inmediatamente despois da súa decapitación. Este documento
tivo varias versións difundidas por Europa.
874. O rei de Asturias e Galicia,
Afonso III o Magno, e a súa
dona Ximena, peregrinan a Santiago. Ofrendan ao apóstolo unha cruz grega de
madeira forrada de ouro e pedras preciosas e realizada en Oviedo. A xoia, de
brazos trapezoidais da mesma extensión confluentes nun disco central, pasa a
coñecerse co nome deste monarca e resulta estrañamente idéntica á dos Anxos,
construída sesenta e seis anos antes no reinado de Afonso II o Casto na mesma cidade. A
cruz colocouse a carón do sepulcro apostólico.
899. Impulsada por Afonso III, remata a construción da
segunda igrexa sobre o sepulcro de Santiago, máis grande e suntuosa cá
primeira, á que substitúe.
900-950. Primeiros peregrinos documentados chegados de
máis alá dos Pireneos, procedentes dos actuais territorios de Alemaña e
Francia.
906. Afonso III, con graves dificultades para manter
unido o reino asturiano, proxecta a Santiago como patrón e protector dos seus
territorios. Difunde tamén as virtudes do apóstolo ao pobo de Tours (Francia),
que antes se interesara ao respecto por carta a el dirixida.
S. XI. Referencias indirectas á prolongación da
peregrinación desde Santiago a Fisterra. Os afastados peregrinos continuaban ao
finis terrae máis popular do
mundo medieval tras a estancia no santuario compostelán. Seguían, segundo
certas teorías, a difusa memoria dunha tradición precristiá que buscaría na
dirección occidental o mítico e remoto espazo sagrado de confluencia entre o
terreal e o celeste, entre os mundos do coñecido e o descoñecido, aquel cara a
onde se dirixían as almas dos mortos. Por unha relación aínda non resolta,
Santiago viuse en Europa como o apóstolo da fin do mundo.
1075. Comezan as obras da catedral románica compostelá,
a maior do seu tempo, para dar resposta á continua chegada de peregrinos desde
as máis longas distancias. A viaxe a Santiago espállase polo continente como un
singular feito compartido, superando todo tipo de dificultades e sen que os
poderes políticos e relixiosos a fomenten de xeito determinante, fóra de certas
e relevantes excepcións.
S. XII-XIII. Máximo apoxeo da peregrinación
xacobea sen fronteiras, polo que os fieis chegados á catedral compostelá
dispoñían dun servizo de linguaxeiros,
sacerdotes case sempre estranxeiros residentes na basílica que falaban e
confesaban en varios idiomas. A cruz de Afonso III forma parte destacada dos
ritos dos peregrinos no templo. Situaríase no século XII no novo altar maior,
nun lugar diferenciado e visible deste para permitir aos peregrinos orar ante
ela, segundo algunha imaxe posterior conservada. Xorden varios hospitais para
atender aos viaxeiros pobres e enfermos. Ante o elevado número de persoas que
falecen ao alcanzar a meta, créase un cemiterio de peregrinos extra muros da
cidade, na saída do camiño ao finis
terrae. Nel sotérranse viaxeiros de toda Europa ata comezos do século
XIX. Actualmente nada recorda este simbólico espazo.
S. XII-XVIII. Peregrinos procedentes de
países actuais como Alemaña, Francia, Italia, Reino Unido, Holanda, Bélxica,
Suíza, Polonia, Chequia, Armenia, etc., escriben guías e relatos sobre a
experiencia da peregrinación a Santiago. Desde o século XIV moitos deles
describen a continuación da viaxe á fin da terra e algúns así o resaltan
no título das súas obras.
1120-1170. Compilación do Codex Calixtinus, tamén
citado como Libro de Santiago ou Iacobus, manuscrito que recolle
en cinco libros e varios apéndices o ideario sen fronteiras da peregrinación a
Santiago. O libro I fórmano sermóns para a liturxia do apóstolo, o II narra o
traslado -translatio- do corpo de
Santiago de Xerusalén a Galicia recollendo a tradición local xurdida en tal
sentido no século IX, o III achega distintos milagres do apóstolo por Europa, o IV relata a lendaria apertura
do Camiño de Santiago polo emperador Carlomagno desde Alemaña ao sepulcro
apostólico, e o V describe os itinerarios principais a Compostela por Francia e
o norte hispano. Ata o século XV realizáronse deste códice unhas trescentas
copias manuscritas, completas ou parciais, repartidas por Europa.
S. XIV-XV. Apoxeo das peregrinacións marítimas,
especialmente de orixe inglesa e con destino principal no porto da Coruña.
Consérvanse datos en portos ingleses -non nos galegos- do embarque anual de
miles de peregrinos a Santiago.
1498. Peregrinación a Fisterra do
alemán Arnold von Harff. Recolleu no cabo un chisco de terra que conservan os
seus descendentes.
S. XVI. A reforma protestante condena a peregrinación por
considerala unha mostra vacua de relixiosidade popular. Enténdese que Deus está
no interior de cada un: non é necesario ir buscalo a ningunha parte. Non
obstante, o fenómeno sobrevive en países como Francia, Bélxica, Italia, etc.,
onde xorden novas e poderosas confrarías de peregrinos xacobeos que fundan e
atenden de xeito altruísta hospitais para camiñantes. Como resposta á reforma,
o fluxo de peregrinos estranxeiros comeza a verse en España en moitos casos con
reparos. Actualmente son milleiros os protestantes que realizan a ruta xacobea
cada ano.
1520-1530. Construción da capela das Reliquias da basílica
compostelá, destinada inicialmente a sala capitular.
1521. Colócanse portas na catedral, imposibilitando a
circulación libre e a calquera hora dos peregrinos polo interior, como sucedía.
En 1529 péchanse as portas pola noite para evitar -dise- os continuos
escándalos. Esta medida non foi definitiva.
1530. Prohíbese aos peregrinos bicar a cruz de Afonso
III o Magno, aínda que houbo
intentos posteriores (en 1535 e outros) de seguir amosándollela de xeito
preferente, quizais ante as ofrendas que a ela dirixían.
1572. O cronista Ambrosio de Morales é o primeiro que
cita, sen apuntar causas, a superposición na cruz de Afonso III do chamado crucifixo
de Ordoño II, atribuído a este monarca astur-leonés do século X pero en
realidade, segundo os actuais estudosos, obra do século XI. Este crucifixo, de
ouro con alma de madeira, contiña unha reliquia do Lignum crucis. Foi unha estraña, desmesurada e inédita
iniciativa que levou a que a cruz orixinal quedase en gran parte tapada e
desvirtuada, avanzando de xeito grave o seu deterioro xeral. Tamén se lle
inseriron outros crucifixos menores. Descoñécense os motivos deste proceder.
Poderían relacionarse con certos efectos da contrarreforma.
1584. O prestixioso teólogo
italiano Baronius rexeita, con variados argumentos, a predicación de Santiago
na Península Ibérica, abrindo un intenso debate.
1589. Posible ocultación das reliquias do apóstolo
Santiago no subsolo da catedral, tras o altar maior, por medo a que as roubara
e profanara o corsario e almirante inglés Francis Drake, que atacaba a costa
galega. As reliquias extraeríanse do mausoleo de Santiago, situado baixo o
altar maior e tapiado e inaccesible desde o século XII por motivos nunca
aclarados.
1610. Mauro Castellá Ferrer, nun libro en
defensa de Santiago como patrón de España, describe por primeira vez a cruz de
Afonso III e o gran crucifixo cunha reliquia do Lignum crucis que lle superpuxeran.
1625-1633. Bernardo Cabrera e Gregorio Español realizan o
retablo destinado a mostrar todas as reliquias da catedral. Conterá as primeiras
columnas salomónicas da Península.
1637. Adxudicación dos traballos de pintado e dourado
do retablo das Reliquias, labor ao que opta, sen éxito, o pintor e linguaxeiro da catedral Crispín de
Hebelino, de orixe non confirmada.
1640. Culmínase o retablo das Reliquias cunha imaxe de
Santiago matamouros, en substitución da inicialmente prevista dun Santiago
ataviado como peregrino. López Ferreiro propón que esta
imaxe non se colocaría ata ben máis tarde, contra 1666, unha demora chocante,
talvez como resultado de tensións derivadas do cambio indicado.
1641. As reliquias e relicarios
dispersos pola catedral trasládanse á capela e retablo das Reliquias. Entre
elas, a cruz de Afonso III, por conter no crucifixo que tiña superposto unha
reliquia do Lignum crucis.
1693. O historiador eclesiástico francés Louis S. N. de
Tillemont propón a teoría dun traslado tardío do corpo do apóstolo Santiago a
Galicia. Sitúa este non antes do século VII. Esta teoría seguírona autores
posteriores como Bonifacio Gams, un alemán tamén historiador eclesiástico que
no século XIX sostivo que os restos de Santiago recalaron longo tempo por
diversos lugares antes de chegar á futura Compostela. Mentres, alleos á proposta
de Tillemont, os peregrinos continúan indo ao que consideran desde a Idade
Media o sepulcro apostólico de occidente, animándose e orientándose no camiño
con cancións propias, algunha tan famosa coma a francesa La grand chanson
des pèlerins (s. XVII).
1738. Comeza na catedral a
construción da fachada barroca do Obradoiro, que destrúe parte do contorno do Pórtico
da Gloria e arreda este da luz do oeste que o seu diáfano pórtico anterior lle
permitía recibir.
1759. Derribo da portada románica da praza da Acibechería,
a entrada histórica dos peregrinos na basílica.
1786. Prohíbese aos peregrinos permanecer
na catedral durante a noite.
S. XIX. Máxima decadencia das peregrinacións xacobeas.
Fóra dalgunha excepción, polas antigas rutas só chegan de xeito esporádico
algúns españois, portugueses, franceses e italianos.
1860-1940. Investigadores de Francia, Alemaña, Reino Unido e
Estados Unidos descobren con sorpresa e admiración a esquecida cultura xacobea
europea e os camiños a través dos que se desenvolveu. Como consecuencia,
publícanse nestes países as primeiras obras modernas ao respecto, que influirán
á súa vez no ánimo dos primeiros e espallados peregrinos contemporáneos.
1874-1933. A Royal Navy, a Armada do Reino Unido, utiliza a
ría de Arousa como lugar de avituallamento e descanso da tropa. Faino mediante
visitas regulares polos meses de febreiro, maio e outubro. Esta presenza
propiciou na capital da ría, Vilagarcía de Arousa, o desenvolvemento comercial
-variados establecementos tiñan mencións en inglés- e unha pequena revolución
na vida e costumes locais, como sucedeu, por exemplo, entre 1906 e 1907 e en
momentos posteriores coas tensións relixiosas entre católicos e protestantes.
Os animados ventos socio-económicos levaron ás autoridades locais a mercar a illa
de Cortegada, preto de Vilagarcía, para regalarlla ao rei Afonso XIII e que
este a convertese na súa residencia de verán. Nunca se realizaron as obras. Os
militares británicos aproveitaban a estancia arousá para peregrinar a Santiago,
rememorando as viaxes históricas xacobeas dos seus antepasados. Realizaron,
entre outras actividades singulares, escavacións no castro Lupario, considerado
a suposta morada da mítica raíña Lupa, que autorizaría a dar sepultura ao
apóstolo Santiago no mausoleo sobre o que se construíu a actual catedral.
1879. López Ferreiro e o tamén cóengo e arqueólogo
compostelán Xosé Labín Cabello buscan e localizan no subsolo da catedral as
supostas reliquias de Santiago, desaparecidas, segundo algunhas imprecisas
fontes locais, desde 1589. Dan cun vello e humilde cofre con pequenos restos
óseos enterrado tras o altar maior. O exame científico establece que poden corresponder
ao apóstolo e a dous dos seus discípulos. López Ferreiro e o seu colega
reciben, en sinal de agradecemento, cadanseu fragmento óseo dos restos
descubertos. Para conservalos, mandan realizar dúas pequenas arcas de prata
imitando a que garda os restos apostólicos na cripta catedralicia.
1880-1899. Os historiadores Fidel Fita e Aureliano
Fernández (1880) e Antonio López Ferreiro (1899) publican referencias á cruz de
Afonso III.
1884. Tras un complexo
proceso, non sempre apoiado por sectores da Igrexa local, o papa León XIII establece a posible
autenticidade das reliquias de Santiago e anima ao mundo a peregrinar de novo a
Compostela.
1889-1922. Arcebispado do cardeal salmantino Martín de
Herrera, que inicia a recuperación das peregrinacións á catedral.
1891. López Ferreiro realiza unha rehabilitación
parcial da maltratada cruz do Afonso III para facilitar a súa contemplación e
reafirmar o seu valor. O máis relevante: como el mesmo explica, retira dela o
gran crucifixo superposto e outros menores, substituíndoos por un moi pequeno
de cristal limitado ao centro do novo disco de prata que instala. Malia
resultar tamén innecesario estoutro crucifixo, no que mantería un hipotético
fragmento do Lignum crucis, tratábase
dunha peza moito máis discreta que non impedía, como sucedera ata daquela, a
visión do que restaba da maltratada xoia altomedieval.
Ábrese este ano, baixo o altar maior da catedral, a actual cripta para
expoñer nela a urna cos reencontrados restos do apóstolo. Os peregrinos non
tiñan acceso a eles desde o século XII.
1898-1909. López Ferreiro publica os once tomos da historia
da Igrexa compostelá, onde se estuda e desenvolve por vez primeira o proceso histórico
da catedral e secundariamente -mais tamén por primeira vez- o seu valor como
meta xacobea.
1906. A noite do 6 ao 7 de maio rouban do retablo da
capela das Reliquias da catedral a cruz de Afonso III o Magno. Era a xoia máis antiga vinculada á orixe da
peregrinación a Santiago. Non se obtén ningún tipo de rastro. A prensa, que
pronto esquece o suceso, ofrece escasas e confusas versións, entre elas as
relativas a seu o autor ou autores protagonistas do suceso entraron na capela
pola súa única ventá ou pola porta. Días antes do roubo un fotógrafo non
identificado fixo as únicas fotos conservadas da cruz, publicadas
posteriormente pola imprenta Hauser & Menet.
1906-1907. Desputas relixiosas nas terras arousás entre sectores da Igrexa e os anglicanos locais, xurdidos estes sobre todo da relación continuada da comarca cos británicos a través das estancias da Royal Navy na ría e a construción e conservación da liña férrea entre esta zona costeira e a cidade de Santiago.
1921. A noite do luns 2 de maio arde o retablo da
capela das Reliquias da catedral compostelá. Grazas á colaboración militar e
veciñal puido salvarse a maior parte das reliquias que acollía, a pesar de que
se deron versións e datos diverxentes. Entre as que arderían ou sufrirían
graves danos estarían as citadas como a Santa Espiña e o cranio de Santiago o
Menor, aínda que os seus relicarios se reconstruíron posteriormente. A causa do
lume, atribuída sen datos a unha candea
mal apagada, non chegou a aclararse nunca. Resultou un suceso estraño pola
inédita voracidade do lume e por producirse nun dos espazos máis seguros da
basílica; estraño tamén porque, malia quedar calcinado case todo o retablo, foi
posible salvar a maioría dos relicarios. A catedral conserva parte dos restos
desta xoia retablística do século XVII que non chegou a devorar o lume.
1924. Inaugúrase o novo retablo da capela das
Reliquias, de estilo ecléctico con detalles neogóticos. Tanto as reliquias que
acolle como a súa estrutura son en gran medida as actuais. Colocaron nel unha
cruz grega de baixa calidade cun novo Lignum
crucis. Pretendeu ser unha réplica da visión que ofrecía en 1906
a peza orixinal.
1928. Créase o Museo da Catedral de
Santiago.
1934-1938. O norteamericano Walter M.
Withehill realiza a primeira transcrición latina completa do Codex Calixtinus e Jeanne Vielliard a
primeira tradución íntegra -foi en francés- do seu libro V, a guía para os
peregrinos nel incluída. Sorprendentemente, este texto do século XII, editado
en francés, será durante anos a guía utilizada por moitos dos novos e pioneiros
peregrinos xacobeos do Camiño por Francia e España.
1948-1986. Chegan os primeiros
peregrinos europeos contemporáneos -franceses, alemáns, belgas, británicos,
etc.- polo Camiño de Santiago. Algúns, rememorando aos antepasados, parten a pé
desde lugares tan distantes como París, Le Puy, Burdeos, Barcelona, etc. Chegan
tamén por longas rutas os primeiros e esporádicos non europeos -xaponeses,
norteamericanos, brasileiros, etc-. Os novos camiñantes retoman o costume de
ampliar a peregrinación a pé ao finis terrae,
malia a ausencia de sinalización, que non se realiza ata comezo dos anos
noventa.
Nacen
os estudos xacobeos en España, con iniciativas tan relevantes como a pioneira obra
dos historiadores Vázquez de Parga, José María Lacarra e Juan Uría, nos anos
corenta.
1950. Fundase en París a Société Française des Amis
de Saint Jacques de Compostelle, a primeira asociación xacobea
contemporánea do mundo, seguida desde os anos sesenta e oitenta polas primeiras
de España, Italia, Reino Unido, Alemaña, etc.
1955. Aparece no subsolo da
catedral o sepulcro do bispo Teodomiro, descubridor do sepulcro de Santiago e
morto no ano 847. A lápida está gravada cunha cruz grega semellante á de Afonso
III, do ano 874.
1987. O Consello de Europa
declara o Camiño de Santiago como o
primeiro Itinerario Cultural Europeo, grazas ás pegadas que desta senda se conservaban
en moitos países e aos avances na investigación internacional ao respecto.
Revelador do alcance da pegada xacobea europea é o mapa que expertos de varios
países realizaron neste ano dos itinerarios históricos a Compostela. Abranguen estes
case todo o continente.
1993. A Unesco declara Patrimonio Mundial o Camiño
Francés. En 2015 uníronse ao anterior os itinerarios do Camiño do Norte.
1998. A Unesco declara Patrimonio
Mundial as rutas principais do Camiño de Santiago en Francia.
2001. Ao longo da primeira década
do século XXI peregrinos de máis de cento trinta países dos cinco continentes
chegan camiñando cada ano a Santiago e Fisterra coas máis diversas motivacións
espirituais ou doutro tipo. Supéranse nesta década as trescentas asociacións de
amigos do Camiño de Santiago no mundo, a maioría non confesionais, repartidas
por países dos cinco continentes e con asociados de múltiples crenzas. Algúns
peregrinos, nunha práctica crecente, con ou sen conviccións relixiosas e de
países diversos, piden que ao falecer as súas cinzas volvan ao Camiño, a
Santiago, a Fisterra, etc. Outros deciden fixar a súa residencia nalgunha das
rutas xacobeas, incluída a que leva ao finis terrae.
2004. Artistas composteláns, dirixidos pola empresa
Ángel S.L. e orientados por un amplo equipo de asesores, elaboran, respondendo
a unha encarga do Xacobeo, unha réplica da cruz de Afonso III, de gran calidade
e conforme á súa hipotética composición e deseño inicial no ano 874. Para
realizar esta versión, estudouse, entre outros motivos, a cruz dos Anxos da
catedral de Oviedo. Estudosos actuais teñen resaltado a sorprendente similitude
da perdida xoia orixinal compostelá con esta cruz grega ovetense, realizada
sesenta e seis anos antes. A réplica citada amosouse ao público durante varios
anos na sala de exposicións da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, en San Lázaro,
Santiago.
2006. Primeiro centenario da desaparición da cruz de
Afonso III, sen ningún dato sobre o que puido pasar con ela tras o roubo e sen
que se celebrase ningunha actividade para recordar o suceso e a significación
da xoia.
Uns douscentos mil peregrinos
dos cinco continentes realizaron en 2006 a pé, a cabalo ou en bicicleta algún
dos tramos da ruta xacobea por Francia, España e outros países, dos que uns
cento vinte mil chegaron a Santiago e máis de quince mil continuaron polo
Camiño a Muxía e Fisterra. Os que recibiron a compostela, certificado concedido
pola catedral santiaguesa por realizar a peregrinación a pé, a cabalo ou en
bicicleta e por motivos relixiosos ou relixioso-culturais, alcanzaron a cifra
de 100.377, a metade deles estranxeiros.
2007. A Unión Europea inclúe o cabo
Fisterra entre os 27 grandes lugares e monumentos do Patrimonio Europeo, pola
súa alta simboloxía na historia continental. Ver ano 2014.
2014. 237.810 peregrinos procedentes
de 165 países recibiron este ano a compostela, o certificado da catedral de
Santiago que acredita a chegada á cidade polo Camiño de Santiago. O 52,25 %
foron estranxeiros. De computarse os viaxeiros chegados pola citada ruta que
non recolleron a compostela, o número total de peregrinos superaría os
trescentos mil. De ter en conta tamén os que realizaron outras rutas xacobeas
sen chegar a Santiago, a cifra definitiva podería elevarse aos catrocentos mil.
A Fisterra chegarían no mesmo ano máis de cincuenta mil peregrinos, a maioría
deles estranxeiros, principalmente alemáns e italianos, seguidos de franceses,
norte de Europa e Portugal. Foron católicos, protestantes e doutras relixións,
e tamén agnósticos e ateos. No albergue público de peregrinos de Fisterra pernoctaron
22.111 persoas.
A Unión Europea, malia seguir
considerando o cabo Fisterra un dos elementos simbólicos de referencia do
Patrimonio Europeo, retírao en decembro desta selecta lista ante -indica- as
deficientes accións específicas de programación a favor deste ben, que considera
vagas e de escaso valor.
2015. Morre afogado en maio o peregrino alemán Max Hildert, de 20 anos, cando se bañaba no mar en Fisterra logo da súa chegada. O seu corpo recuperouse días despois de desaparecer. A vítima anterior máis recente fora Giuilio Recusani, peregrino italiano, de 26 anos, falecido en agosto de 2010. O seu corpo tamén se recuperou días despois. Así mesmo, o 18 de outubro de 2015 afogouse na punta do cabo o peregrino madrileño, de 25 anos, Adrián Ruiz, cuxo corpo se rescatou catro días máis tarde. Nos últimos anos realizáronse varias operacións de busca ou rescate de peregrinos no mar fisterrán.
Imprimir suplemento
0 comentarios