Personaxes históricos incluídos na trama ou citados
- Abeijón
de Seárez. Cóengo da catedral de Santiago a primeiros
do século XX. Figura en certa documentación como descubridor do roubo da
cruz de Afonso III en 1906 cando ía realizar unha misa á capela das
Reliquias.
- Afonso II o Casto. Rei de Asturias e Galicia (791-842), referendou que o corpo achado na actual Compostela contra os anos 820-830 era o de Santiago o Maior e mandou erguer a primeira igrexa sobre o seu sepulcro, ao que peregrinou.
- Afonso III o Magno. Rei de Asturias e Galicia (866-910).
Estendeu o territorio cristián mediante a loita contra os musulmáns e
acabou enfrontado aos seus propios fillos. Promoveu o apóstolo Santiago
como protector do reino e difundiría ao exterior a súa lenda e culto,
segundo se deduciría da resposta dada a unha suposta carta de contra o ano
906 da cidade de Tours. Mandou erguer a segunda igrexa sobre o sepulcro e
ofrendou ao apóstolo a famosa cruz grega de ouro e pedrería que leva o seu
nome, desaparecida en 1906 da basílica compostelá.
- Antonio
López Ferreiro. Arquiveiro e cóengo desde 1871 da catedral
de Santiago, é o autor da primeira historia deste templo e da Igrexa
compostelá, editada en once tomos entre 1898 e 1909. Faleceu en 1910. Moi
culto, de perfil galeguista e bo talante, buscou prestixiar a basílica
compostelá como meta de peregrinación de dimensión europea, ás veces
contra o parecer doutros cóengos próximos ao seu ideario conservador.
- Antonio Raposo. Propietario
de Casa Melchor en 1906.
- Berenguel de Landoire (tamén
citado como Landoira e Landoria). Arcebispo compostelán de
orixe francesa do século XIV. O Tombo B de catedral móstrao orando
ante a cruz de Afonso III.
- Bernardo
Cabrera. Arquitecto e entallador galego do século
XVII. Foi o autor do retablo da capela das Reliquias da basílica
compostelá, concluído en 1633. Este espectacular conxunto, queimado en
1921, amosaba as primeiras columnas salomónicas peninsulares, anunciando o
barroco.
- Crispín
de Hebelino. Linguaxeiro
-confesor de peregrinos en varias linguas- e artista estranxeiro
residente na catedral de Santiago na primeira metade do século XVII.
Propúxose, sen éxito, para pintar o retablo das Reliquias.
- Fidel
Fita e Aureliano Fernández-Guerra. O primeiro, xesuíta catalán, historiador e arqueólogo (1831-1918), foi un
estudoso do mundo xacobeo do seu tempo, que coñeceu de primeira man nunha
famosa viaxe a Santiago na compaña do epigrafista andaluz Aureliano
Fernández-Guerra.
- Fuentes. Garda civil retirado e
vixilante nocturno na catedral de Santiago en 1921.
- Georgiana Goddard King.
Historiadora norteamericana que percorreu o Camiño de Santiago entre 1912
e 1915. O resultado foi a primeira obra integral desta ruta desde Francia
a Fisterra, publicada en tres tomos en Londres e Nova York en 1920, co
título de The Way of Saint James.
- Giacomo Antonio Naia.
Peregrino xacobeo italiano, autor de Viaggio in Ponente à San Giacomo
di Galitia e Finisterre, no que relata a peregrinación a estes dous
lugares, desde o seu país, entre 1717 e 1719.
- Ignacio
Cadeira. Mordomo do arcebispado de Santiago en 1906.
- John
Robreck. Alto mando da frota militar británica no
Atlántico a primeiros do século XX, coa que estivo en Vilagarcía e visitou
Santiago.
- José Martín de Herrera.
Cardeal e arcebispo de Compostela de 1889 a 1922. Nacido en Salamanca en
1835, era estrito, enérxico e conservador no ámbito relixioso, mais seica
paciente de carácter na vida privada. Morto en 1922, viviu moi enfermo os
últimos anos.
- Mauro
Castellá Ferrer. Militar e escritor de Celanova, autor dun
libro en defensa de Santiago o Maior de máis de cincocentas páxinas
publicado en 1610.
- Miguel Payá
y Rico. Natural de Valencia, foi arcebispo e cardeal
de Santiago de 1875 a 1886. Decidido a reactivar a peregrinación
compostelá, recuperou, coa axuda de López Ferreiro, as reliquias do
apóstolo, supostamente perdidas desde século XVI. Fíxoo enfrontándose a
parte do conservador clero local. Logrou que o papa León XIII aprobase o
achado e convidase ao mundo a peregrinar de novo a Santiago.
- Nicomedes
Pastor Díaz. Poeta e político de Viveiro pioneiro da
literatura en idioma galego no século XIX. Escribiu o poema Alborada
en 1828, con apenas 18 anos.
- Norberto Camba.
Cóengo da catedral compostelá en 1921, foi quen descubriu, de madrugada, o
fume do incendio na capela das Reliquias.
- Raphael Geizkofler. Rico
banqueiro alemán nacido en 1532. Peregrina a Santiago en 1566. Poucos anos
despois peregrinará tamén un irmán seu, que falece ao chegar á cidade.
- Reginald
Cameron-Walker. Cónsul británico en Arousa de 1899 a 1923.
Traballou por unhas relacións cordiais entre británicos e galegos.
Promoveu o cemiterio inglés de Vilagarcía.
- Xesús Carro García.
Cóengo da catedral compostelá desde os anos trinta ata a súa morte en
1973, foi un destacado estudoso e promotor da cultura xacobea. De liña
galeguista, en 1965 escribiu o primeiro libro en idioma galego sobre as
peregrinacións a Santiago, A pelegrinaxe ao Xacobe de Galicia.
- Xoán Fernández Martín.
Cóengo das Reliquias da catedral compostelá en 1921, autor dunha guía
sobre a basílica e o seu relicario (1892).
- Xosé Filgueira Valverde.
Polígrafo e intelectual galego (1906-1996), buscou durante anos a cruz
roubada de Afonso III.
- Xosé Villa-Amil e Castro.
PArquiveiro e historiador mindoniense, autor dunha guía da catedral de Santiago, publicada en 1866, na que cita por primeira vez a sorprendente semellanza entre as cruces gregas de Santiago (874) e a dos Anxos de Oviedo (808).
- Xosé María Zepedano. Nacido en Ferrol, foi cóengo e arquiveiro da
basílica compostelá, sobre a que publicou unha guía en 1870, moi
recoñecida durante anos.
A maiores doutras mencións
circunstanciais, alúdese tamén con intención narrativa a autores como Alexandre
Barral -actual cóengo emérito da catedral compostelá-, Américo Castro -en
relación coa polémica dos dioscuros-, Arnold von Harff -e a súa peregrinación a
Fisterra-, Beda o Venerable, Bonifacio Gams, Christoph Gunzinger, Fernando
Alonso Romero, Fortunato de Poitiers, Hugo de San Víctor -teólogo alemán do
século XII que propón a vida como un simbólico camiño de oriente a occidente-,
Justo Pérez de Urbel, Louis de Tillemont -teoriza sobre un traslado tardío do
corpo de Santiago o Maior a Galicia-, Martín Sarmiento, Xerome de Estridón
-propón no século IV que os apóstolos se enterrarían no lugar máis distante
acadado na súa peregrinación como testemuña da universalidade do cristianismo-
e Xosé Guerra Campos.
![]() |
Afonso II o Casto |
Déixase constancia tamén aquí
dos poetas galegos de cuxos poemas anteriores a 1921 se extraeron os versos
soltos que agrupa nun poema un personaxe desta novela. Son, na orde en que
aparece o verso primeiro ou único de cada autor, Manuel Curros Enríquez, Francisco Añón, Xoán Barcia Caballero, Evaristo
Martelo Paumán, Alberto Camino, Eduardo Pondal, Rosalía de Castro, Manuel
Leiras Pulpeiro, Nicomedes Pastor Díaz e Valentín Lamas Carvajal.
Imprimir suplemento
0 comentarios