Espazos e entidades que son parte da novela

  • Cabo Fisterra. Ver Fisterra.
  • Capela da Corticela. Dedicada aos peregrinos, estranxeiros e vascos, é a máis visitada capela da catedral compostelá. Xurdiu no século IX como igrexa dos primeiros monxes gardiáns do sepulcro de Santiago ata que no XVIII se integrou na catedral. Posúe unha enigmática lápida recuperada en 1966 cuxa imaxe se atribúe a unha peregrina descoñecida.
  • Capela da Magdalena. Antiga capela da basílica compostelá, hoxe recinto pechado tras o altar maior, dedicouse a esta santa de gran devoción no Camiño de Santiago. Visitábana peregrinos de media Europa con emoción para, a través dos seus muros, tocar coas mans os restos do mausoleo do sepulcro do apóstolo, ao que non podían acceder desde o século XII. No presente os peregrinos estranxeiros volven celebrar culto nela.
  • Capela das Reliquias. Levantada no século XVI entre o claustro da catedral de Santiago e a súa nave maior. En 1641 reuníronse nela case todas as reliquias da basílica. Consérvanse unhas cento sesenta. Tamén acolleu, ata o seu roubo, a cruz de Afonso III o Magno. Mostrábase todo nun espléndido retablo que ardeu en 1921; o actual, neogótico, inaugurouse en 1924. Adminístraa o cóengo das Reliquias. Acolle tamén, desde 1635, o Panteón Real de Galicia, con sepulcros de reis e nobres medievais.
  • Casa de lenocinio de Teresa Fresco. Era en 1906 un polémico e coñecido prostíbulo de Vilagarcía de Arousa, na céntrica rúa Cervantes, ao que concorrían marines británicos.
  • Casa Melchor. En 1906, popular taberna, casa de comidas e de alimentación de Santiago, na céntrica Rúa de Antealtares.
  • Cemiterio de Bonaval. No límite da zona histórica compostelá, foi o cemiterio da cidade ata as primeiras décadas do século XX, substituído progresivamente polo actual de Boisaca. Agora é un magnífico parque público.
  • Cemiterio de peregrinos de Santiago de Compostela. Ocupaba a actual zona axardinada da rúa da Trindade, por detrás do pazo de Raxoi, mirando ao oeste. Entre os séculos XII e comezos do XIX foi o lugar onde se enterraron case todos os peregrinos que falecían na catedral e na cidade, tras chegar á meta procedentes dos máis distantes lugares continentais. Preto del estaba a tamén desaparecida igrexa da Trindade ou dos Peregrinos. Nada queda que o recorde. En 2006, o actual espazo axardinado ocupábao en gran parte un barracón prefabricado con dependencias municipais. Pouco despois, recuperouse co aspecto que hoxe presenta, aínda que a parte norte do mesmo tense convertido, en pleno centro histórico, nun sucio e ilegal aparcamento de coches tolerado, de forma sorprendente, polo Concello e a Policía municipal. En xuño de 2015, o Xacobeo, coa presenza de asociacións de Amigos do Camiño de varios países do mundo, celebrou no lugar o primeiro acto da historia compostelá en recordo dos milleiros de peregrinos mortos ao longo dos séculos na cidade.
  • Claustro da catedral. É a gran obra plateresca (1521-1590) da basílica compostelá.
  • Clyde. Trátase dun dos transatlánticos da compañía Mala Real Inglesa que nas primeiras décadas do século XX recalaban no porto de Vigo en ruta entre América e os portos do sur de Inglaterra.
  • Confrarías de Santiago. Repartidas por Europa, promoveron a peregrinación xacobea e a atención aos peregrinos desde a Idade Media ata avanzado o século XVIII. Consérvanse vestixios dos hospitais de acollida aos peregrinos que promoveron en cidades de varios países.
  • Consulado Británico en Vilagarcía de Arousa. Situado en Carril entre finais do século XIX e as primeiras décadas do XX, foi a resposta ás relacións comerciais entre o Reino Unido e as terras ribeirás da ría de Arousa, derivadas sobre todo da escala regular na zona da Armada británica, a Royal Navy.
  • Cripta do Apóstolo. Abriuse en 1891 baixo o altar maior da catedral compostelá para expoñer ao culto, nunha urna de prata, os supostos restos de Santiago e os seus discípulos Teodoro e Atanasio, reencontrados no propio templo en 1879. Desapareceran no século XVI, mais era xa dubidosa a súa localización desde o XII. A cripta ocupa o espazo do mausoleo romano onde no século IX se descubriu o que se considerou o sepulcro de Santiago o Maior.
  • Cristo de Burgos. Magnífica imaxe do Crucificado realizada en Burgos en 1754. Contou con moita devoción en Santiago. Encóntrase na capela do mesmo nome, no perímetro norte da nave maior da catedral compostelá.
  • Cruz dos Farrapos. Situada nas cubertas da mesma catedral, sobre a cabeceira, ante esta singular cruz medieval colgaban e queimaban certos peregrinos as roupas vellas do camiño como sinal de renovación.
  • Cubertas da catedral de Santiago. De chanzos de granito ata o século XIX, logo de tella e desde 1965 de novo de granito, a elas accedían os peregrinos libremente para realizar diversos ritos, entre eles o da Cruz dos Farrapos. Abríronse ao público, mediante pagamento, en 2009.
  • Estación de tren de Carril. Ver Ferrocarril Santiago-Carril.
  • Estación de tren de Cornes. Inaugurada en 1873 ao abrirse a liña de tren Santiago-Carril. Levantada no lugar de Cornes, nas aforas de Santiago, funcionou ata 1943 como a estación desta cidade.
  • Ferrocarril Santiago-Carril. Foi parte da primeira liña de ferrocarril de Galicia, inaugurada en 1873, con 42 km. Xestionábaa a empresa británica The West Galicia Railway Company. Activou o comercio, as relacións e as peregrinacións -caso das da Royal Navy- entre a ría de Arousa e Compostela.
  • Fisterra. A localidade costeira de Fisterra, o promontorio da desaparecida ermida de San Guillerme (222 m), e a punta rochosa do cabo do mesmo nome forman, cando menos desde o medievo, un dos grandes destinos mítico-simbólicos de Europa. Conxunto considerado na antigüidade como o finis terrae occidental, a fin do mundo, a viaxe a este extremo, que se alcanza na punta superior do cabo, ante o actual faro, a 132 m sobre o nivel do mar, realizábana antigamente europeos e hoxe xentes de todo o mundo. Milleiros de peregrinos de decenas de países chegan camiñando ou en bicicleta cada ano a través do Camiño xacobeo de Fisterra-Muxía. O motivo desta singular afluencia hai que buscalo en connotacións espirituais e emocionais moi diversas e difíciles de concretar, mais alleas ao tempo e vinculadas á interpretación do ser humano como homo viator. Na cultura antiga e medieval, Fisterra relacionouse coa ruta seguida polas almas ata a vida eterna. Era o punto extremo onde os europeos crían que, terminada a terra, comezaba o máis alá. O cabo Fisterra foi un dos 27 bens culturais de distintos países declarados en 2007 pola Unión Europea, con motivo dos cincuenta anos da súa creación, como Patrimonio Europeo. Obedeceu a distinción  ao feito de ter sido testemuña, se di, “da historia europea”. Con todo, este recoñecemento perdeuse en 2014 pola falta dunha programación específica de atención para tan relevante espazo.
  • Hospital Real de Santiago. Este enorme edificio, que ocupa o perímetro norte da compostelá praza do Obradoiro, construíuse no século XVI como hospital central de peregrinos da cidade. No século XIX transformouse en centro sanitario universitario e de atención á poboación da bisbarra. En 1954 converteuse en parador de turismo.
  • Hotel Suízo. Popular hotel compostelán inaugurado en 1904 no edificio situado entre as rúas Cardeal Payá e Tránsito dos Gramáticos, ante a praza de Mazarelos. Dun nivel medio alto e cociña de calidade, era a residencia escollida pola maior parte dos estranxeiros que visitaban a cidade. Funcionou ata finais dos anos trinta. O seu baixo ocúpao no presente a casa de xantar Silveira.
  • Imprenta do mosteiro de San Martiño Pinario. Histórica imprenta eclesiástica compostelá que durante o século XIX e primeiros do XX editou obras clave da cultura galega, compostelá e xacobea.
  • Librería Galí. Popular librería de Santiago, na rúa do Vilar. Aberta no século XIX, pechou en 2006.
  • Mosteiro de San Martiño Pinario. Situado fronte á fachada norte da catedral compostelá, vinculouse nos seus comezos cos monxes custodios do sepulcro de Santiago. Desde o século XIX foi seminario maior, tivo imprensa e acolleu diversas estancias eclesiásticas, entre elas unha zona residencial para sacerdotes. Agora é hotel e ofrece outros servizos.
  • Neveiros. Durante varios séculos a catedral de Santiago e a propia cidade compostelá, como outros lugares de Galicia, abastecéronse de xeo de neve das montañas galegas. A catedral e o arcebispado fomentaron esta actividade, con períodos de decaemento e recuperación, chegando a posuír neveiros propios en varios lugares, como en Meixonfrío, no mesmo concello compostelán. Tamén se abastecían de xeo traído en carros desde a serra do Candán, entre as provincias de Pontevedra e Ourense, e doutros puntos. O prezadísimo produto depositábase e conservábase longo tempo nos illados neveiros catedralicios do cabido. O xeo natural tiña diversos usos, sobre todo para sobremesas e bebidas. Esta actividade durou ata comezos do século XX. Desapareceu coa chegada dos primeiros equipos de produción de xeo artificial e as neveiras eléctricas, que se foron impoñendo desde os anos vinte-trinta da antedita centuria.
  • Finca e pazo do Paxonal. Este pazo, situado na actual zona compostelá do mesmo nome, limitando co río Sar, desapareceu, coa súa finca, a finais dos anos oitenta. O seu espazo deu paso a varias rúas, un hotel, un centro comercial, vivendas e un parque público.
  • Porto de Vilagarcía de Arousa. Nos comezos do século XX centrou boa parte da actividade no avituallamento á Royal Navy e o comercio exterior.
  • Royal Navy. Ver Cronoloxía, 1874-1933.
  • Salón García. Sala de festexos de Vilagarcía de Arousa onde se reunían contra 1906 grupos protestantes, ata que as presións eclesiásticas o impediron.
  • Serra do Candán. Situada no nordeste da provincia de Pontevedra, limitando coa de Ourense, ten unha altitude media próxima aos mil metros. Tivo neveiros ata entrado o século XX. Entre outros destinos, fornecían estes á curia e a catedral compostelás. Ver Neveiros.
  • Société Française des Amis de Saint Jacques de Compostelle. Naceu en París en 1950 impulsada por profesores, profesionais e xente nova. Trouxo ao presente o espírito solidario das históricas confrarías de Santiago (ver), fomentou a nova peregrinación a pé cun sentido aberto e non necesariamente confesional, a investigación e a divulgación xacobeas, e a recuperación dos antigos camiños a Compostela por Francia. Foi a primeira das trescentas cincuenta asociacións xacobeas contemporáneas repartidas na actualidade polos cinco continentes, cuns setenta e cinco mil socios.
  • The West Galicia. Ver Ferrocarril Santiago-Carril.
  • Sotos da catedral. Os sotos principais da basílica compostelá ábrense en torno ao perímetro de construcións que circundan o claustro, con acceso desde a parte sur da praza do Obradoiro. Actualmente ocúpaos en boa parte o Museo da Catedral.
  • Torre do Reloxo. Torre gótica e barroca no límite sur da catedral compostelá. Oca en gran parte, culmínase cunha lanterna que se acende nos anos santos para indicar aos peregrinos o sepulcro de Santiago. Colga dela a campá máis grande e simbólica da cidade, coñecida como A Berenguela.
  • Tribunas ou triforio. As tribunas son parte da obra medieval da catedral compostelá. Recorren todo o perímetro superior das naves, cara as que se abren. Antigamente os peregrinos podían pasar a noite nelas. Comunican coas torres do templo e, a través principalmente dunha estreita escaleira situada a carón do Pórtico da Gloria, coa nave maior. En 2014 abríronse ao público mediante pagamento.

Os espazos e entidades citados de xeito exclusivo na novela en maio de 2006 non se detallan, dada a súa proximidade temporal. Por suposto, non teñen relación ningunha coa trama e son todos reais, excepto o hotel Aymeric Picaud, unha pequena homenaxe ao monxe francés do mesmo nome, decisivo na elaboración do Codex Calixtinus (s. XII), base ideolóxica para a plural resurrección contemporánea do Camiño de Santiago.



Claustro da Catedral de Santiago de Compostela


Son históricas, polo demais, as hospedaxes compostelás O Escudo de Francia, O Home Salvaxe e A Pomba Negra que nesta parte se citan de pasada. Supoñen un recordo ás moitas pensións, rexentadas con frecuencia por mulleres e familias estranxeiras e con singulares nomes foráneos e dominio de idiomas, que acolleron aos peregrinos das distintas nacionalidades ata mediados do século XVIII.

Imprimir suplemento



Máis información de interese

0 comentarios